CARGANDO A INFORMACIÓN
CARGANDO LA INFORMACIÓN
LOADING THE INFO

A Excalibur galega

Atopouse de forma casual en 1967, ao ser lanzada esta por a explosión dun barreno, cando se facía extracción de pedra nunha canteira inmediata ao lugar de Mouruás, pertencente ao concello ourensán de San Xoán de Río. Pola documentación que se conserva no Museo sabemos que, en realidade, o achado tivo lugar no mes de novembro de 1967 e que a canteira estaba na paraxe denominada “Pena dos Castros”. A espada, realizada en bronce, pesa 820 gramos e ten unhas dimensións de 68,5 cm de longo por 4,5 cm de ancho máximo na folla e 5,7 cm na garda. Atópase partida en dous fragmentos e consta dunha longa folla de dobre fío e unha empuñadura calada tripartita.
As circunstancias do achado da espada de Mouruás fan pensar que debeu ser escondida de maneira intencionada nunha greta da roca, posiblemente tamén cunha finalidade funeraria e, ao mesmo tempo, de control dun punto de paso estratéxico, segundo interpretación de Ruiz-Gálvez. A súa ocultación respondería, pois, á mesma intención que a súa deposición nas augas: é un acto público de sucesión/competición polo poder, mediante a amortización dun obxecto de valor social, dun símbolo de rango que distinguiría a preeminencia dos xerarcas locais, en sociedades onde a natureza do poder non está institucionalizada. Do mesmo xeito que o xesto do Rei Arturo, arrincando a espada da roca na que estaba cravada, é un acto público de lexitimación do seu ascenso ao oficio rexio.

Escoitar o texto

Un século máis tarde: A Vía Nova

Case un século máis tarde, a construción da Vía Nova ao final do s. I d.C. mostra unha nova intervención para reordear os mesmos territorios e poboacións ao servizo dos intereses do estado. No noroeste peninsular, Roma tivo ademais un interese particular pola riqueza mineira, e para poder explotar os recursos auríferos, impuxo un sistema de tributación no que as comunidades locais debían pagar á administración romana co seu traballo nas minas. A Vía Nova é Roma entre Galicia e Portugal. Denominada Vía Nova ou Vía XVIII, unía as poboacións de Braga (Bracara Augusta) en Portugal e Astorga (Asturica Augusta). Son uns 315 quilómetros de calzada romana que se inaugurou no ano 79 a.C. por Caio Calpetano Rantio Quirinal Valerio Festo, segundo consta nunha pedra miliar.
Saíndo da vila de Castro Caldelas séguese o itinerario da Vía Nova ata as terras de Trives. Se se desvía un cara á esquerda, cara a San Xoán de Río, pódense ver tamén catro pedras miliares, froito do paso dos romanos pola zona. En Ponte Navea, Trives, pódense albiscar os restos dun antigo templo romano sobre o que se construíu a Ponte Navea.

Escoitar o texto

A liberdade sexual das mulleres no s. XIX

As espontáneas de San Xoán de Río
No arquivo municipal de San Xoán de Río conserváronse trinta expedientes de 1847 a 1852 que permiten achegármonos a algunhas manifestacións da sexualidade de mulleres á marxe do matrimonio e ás tentativas de control das mesmas por parte das autoridades municipais decimonónicas.
Segundo a documentación, o obxectivo declarado polos poderes públicos era evitar as prácticas abortivas, o que, precisamente, acaba constituíndo un sólido indicio para pensar na súa existencia no marco dunha sexualidade feminina más aberta e diversa da que se adoita imaxinar para o século XIX. Nun contexto no que as únicas prácticas sexuais ben vistas eran as matrimoniais, destinadas a garantir a reprodución familiar, este pequeno repertorio documental sobre as chamadas “espontáneas” é unha fonte de grande interese para coñecer a confrontación existente entre as marxes de liberdade sexual tradicional, en gran medida aceptada socialmente, segundo apuntan moitos dos estudos realizados sobre a ilexitimidade no Antigo Réxime, e os cambios que se foron producindo ao respecto na mentalidade colectiva do século XIX, especialmente co proceso de consolidación do Estado liberal e dunha moralidade burguesa que tendeu a promover a conversión das mulleres en auténticos “anxos do fogar”, reprimindo moitas das marxes de liberdade das que dispuñan nos períodos históricos anteriores.

Escoitar o texto

A República tamén pasou por San Xoán de Río

En 1932 o tallista Nicanor de Arboiro deu por terminado unha das súas homenaxes máis polémicas: unha fonte en honra a Ramón Franco, republicano, piloto e irmán pequeno de Francisco Franco, e á viaxe que realizou aos mandos do hidroavión Plus ultra. Naquel momento, o 1 de maio, decenas de veciños da localidade de Arboiro, xunto ao alcalde do municipio e ata o político republicano Sergio Pazos, acudiron á inauguración da fonte, un lugar que chegaría a converterse en punto de encontro veciñal pero tamén no obxectivo de numerosas críticas.
Durante máis de cincuenta anos a fonte foi utilizada como lavadoiro polas mulleres de Arboiro e a ela chegaba auga de dous mananciais diferentes, por iso é polo que teña dúas billas. A construción conta cun reloxo a través do cal medíanse os tempos de regadío das distintas leiras e terreos da zona, segundo a hora que marcase e o día da semana que fose cada veciño sabía cando lle tocaba facer uso da auga. Como centro da obra destaca unha escultura alongada en cuxo extremo superior atópase unha recreación do hidroavión Plus ultra apoiado na figura do globo terráqueo, sobre o que antigamente estaban debuxados a fouce e o martelo, símbolo da república socialista. Ademais na placa de descrición lese o seu nome, "Fonte de Ramón Franco", a súa data de inauguración, 1 de maio de 1932, e as siglas L.R.A., Lista Republicana Anticlerical.

Escoitar o texto

San Xoán de Río aposta polas enerxías limpas

No 2020 comezaron os traballos de montaxe da torre meteorolóxica que medirá a velocidade do vento no Alto do Cerengo para confirmar os cálculos que apoian a instalación do parque eólico Río-Trives. A construción alcanzará os 100 metros de altura coa torre formada de celosías tubulares de aceiro, sendo a súa planta triangular. A construción será estabilizada con cables pretensados, que irán suxeitos a diferentes alturas. Nesta peza instalaranse un anemómetro e un catavento, que guiarán a localización de cada unha das 12 torres eólicas.
O parque terá unha potencia de 50 mW e aparece no rexistro eólico da Xunta desde o ano 2019. Cun investimento de 40 millóns de euros, Lasser Eólica abonará ao ano máis 100.000 euros en concepto de aluguer de terreos ás comunidades de montes, principalmente.

Escoitar o texto